O CARRO E A LITERATURA POPULAR
Lingua e literatura nos textos populares
Sorpréndese Xaquín
Lorenzo de que sexan limitadas as composicións populares que teñen como obxecto
poético o característico vehículo aldeán. Considera o sabio de Ourense que o
carro non aparece, na proporción que a súa importancia na vida campesiña faría
pensar, no material temático de cántigas, refráns, proverbios, adiviñas ou
fraseoloxía; pois son, todos estes, os que transmiten o sistema de valores da
sociedade tradicional e o seu universo simbólico. Mais non hai que desbotar que
a grande paixón que o Xocas tiña polo carro o levase a considerar como escaso
todo o que el, co seu proceder exhaustivo, foi rexistrando ao longo da súa
vida.
Seguindo as súas publicacións, utilizamos unha serie de cántigas clasificadas do xeito que logo se verá e que teñen o carro como elemento unificador. Tamén se botou man dalgúns refráns e expresións fraseolóxicas.
Non é este o momento de discutir dun xeito teórico a pertenza das cancións populares á literatura nin de argumentar a prol da dignificación do material literario tradicional de transmisión oral. Noutros lugares temos asumido o que outros autores, máis cualificados, defenderon en relación a este material.
O corpus que utilizamos, aínda que se podería ampliar, é basicamente o recollido por Xaquín Lorenzo nas súas publicacións e nomeadamente en O carro no folclore de Galicia de 2003, versión galega de Sole Castro publicada polo Museo do Pobo Galego do orixinal castelán de 1974.
A clasificación temática que vai tecendo don Xaquín é xerada por unha visión etnográfica ou antropolóxica que o leva a colocar primeiro as cántigas e despois os refráns, adiviñas e fraseoloxía nunha orde ideolóxica. Aproveitando este proceder e usando da rendibilidade do seu traballo, propomos unha serie de cancións agrupadas ao seu xeito para traballaren os alumnos sobre lingua e sobre literatura. Do que se trata é de facer exercicios de lectura, redacción, reflexión gramatical, léxica, ... a partir dos textos, para un nivel de bacharelato, aínda que sería posible a súa utilización en niveis inferiores.
Os grupos que se estableceron son os que se indican a seguir cunha breve explicación do que é cada un:
O cantar do carro.
Propóñense diversos traballos sobre catorce composicións que teñen como fío temático o cantar do carro, isto é, o son que produce o eixe ao xirar pola fricción contra as pezas fixas que o sosteñen: treitoiras e apeladoiras.
Árdelle o eixe.
Exercicios sobre seis cantigas e un berro
que poetizan o feito de o rozamento provocar o aumento da temperatura nas pezas
que rozan unhas contra as outras. Evidentemente a razón profunda que inspira
estes cantos pode ser o dar conta das proporcións expresadas na seguinte
ecuación:
rozamento/carga = aquecemento/fartura, ou dito doutra maneira, canta maior sexa a carga, maior será a temperatura do eixe, dado que aumenta o rozamento; o cal denota unha maior riqueza ou fartura.
O carro e a riqueza.
Ofrécense á consideración do interesado cinco cántigas sobre o carro como marca de riqueza, non tanto como obxecto en si, senón como medio de transporte da vida necesaria para un mediano pasar.
O carro e o amor.
Sete poemas de contido evidente que dan pé a actividades nomeadamente literarias.
A carro e o obsceno.
Tres composicións que queren provocar un xogo de comparación coa literatura satírica medieval de liñaxe culta.
Spleen do carro.
Proposta ao redor de tres cantigas que teñen como motivo a ruptura, en maior ou menor medida, coa realidade para fuxir do cotián.
O carro, conselleiro.
A partir de seis cancións e algún outro texto en prosa fanse propostas para a reflexión sobre o sistema de referencia vital do mundo rural galego.
O carro e o refraneiro.