O CANTAR DO CARRO

O cantar do carro: http://www.consellodacultura.org/arquivos/asg/podcast/?page_id=80

 

O canto do carro e os materiais

 

 


1

Se queres que o carro cante

bótalle o eixe de bido,

as traitoiras de carballo

i os croucós de sanguliño.

(Esgos)

2

Si queres que o carro cante

como o do noso veciño,

bótalle o eixo de loureiro

e treitoiras de sanguiño.

(Mariñas)


3

Si queres que o carro cante

como o do teu veciño,

bótalle o eixe de freixo

e as treitoiras de sanguiño.

(Melide)


4

Se queres que o carro cante

como a gaita do gaiteiro,

ponlle o eixe de freixo

i as entortas de amieiro.

(Fonfría)
5

Se queres que o carro cante

como a gaita do gaiteiro,

ponlle o eixe de plata

i estreitoiras de amieiro.

(Gudiña)

6

Si queres que o carro cante

como o do teu vicín,

ponlle o eixe de nogal,

treitoiras de sangumín.

(Vilachá de Cancelada)

7

Se queres que o carro cante

como a gaita do gaiteiro,

bótalle o eixe de bido

i as treitoiras de amieiro.

(Noceda)

8

O meu carro pide un eixo,

eu non sei de qué botarllo.

Bótallo de sabugueiro,

cantarache ben o carro.

(Ulla)

 

 

 











Aínda que a moitos, sobre todo foráneos (Maior W. Dalrymple, J. Borrow, Dembowski[1], ...) lles teña parecido enrabechante e molesto o ruído que producen certas pezas do carro ao friccionar unhas contra as outras; no imaxinario galego, e non só o campesiño, o carro CANTA. Este canto é motivo de orgullo e satisfacción para os donos, quizais porque un carro cargado connota fartura.

1º- Identifica na parte de tecnoloxía: Partes do carro as pezas do carro que interveñen na produción do seu cantar segundo as cantigas populares recollidas por Xaquín Lorenzo: eixe, treitoiras, coucóns, entortas.

2º.- Segundo este grupo de cantigas, o segredo do cantar está nos materiais empregados. Procura no dicionario definicións para as distintas árbores que se indican

http://www.edu.xunta.es/diccionarios/index_rag.html

http://www.digalego.com/

http://www.estraviz.org/

Procura imaxes desas árbores no seguinte enderezo:

http://www.rios-galegos.com/vidario3.htm

3.- Nunha das cantigas propostas utilízase unha figura retórica que a converte en humorística. Identifica a cantiga, a figura e trata de explicalas. Para iso deberás ter en conta as características dalgúns materiais.

Podes usar o libro Arte literaria de Claudio RODRÍGUEZ FER ou algún libro de texto que trate a cuestión das figuras retóricas, tropos, etc.

4.- Realmente todas as cantigas propostas, menos unha, son variantes dunha única. Analiza formalmente calquera delas indicando medida, rima e ritmo.

Si queres que o carro cante _ _´_ _ _´ _ _´ _

como o do teu veciño, _ _ _ _ _´ _ _´_ a

bótalle o eixe de freixo _´_ _ _´ _ _ _´_

e as treitoiras de sanguiño. _ _ _´_ _ _ _´_ a

    Sílabas
Versos


1

2

3

4

5

6

7

8

Distancia

1


(2)



5


7


(2)32'

2





5


7


52'

3




(4)



7


(4)3'

4



3




7


34'

5.- Establece a voz lírica e quen é o destinatario. Unha delas presenta un esquema distinto; procúraa e explícaa.

6.- Establece o esquema da invariante que dá lugar ás múltiples versións e despois elabora un texto de 150 palabras, aproximadamente, onde expoñas como imaxinas que naceron estas cancións, cal sería a súa finalidade e como podes explicar que en lugares tan distantes entre si se repitan as mesmas composicións. Ten en consideración que se vivía na época dos carros, non das autoestradas.

7.- Seguindo o esquema expresado na pregunta anterior crea unha cantiga similar que se refira non ao carro, senón ao automóbil ou ao ordenador.

Hidratación. O canto do carro por métodos endóxenos.


9

Se queres que o carro cante,

móllalle o eixe no río

e despois de ben mollado

canta como un asubío.

(Ribadeo)

10

Carriño, ti cando cantas

é cando levas máis peso,

e o teu cantar o leva

o ventiño mariñeiro.

11

Si queres que cante o carro,

si queres que o carro cante,

si queres que cante o carro,

a paga págalla diante.

(Ourense)

12

Se queres que o carro cante,

bótalle o eixe de freixo;

se queres que o amor che veña,

dálle talladas de queixo.

(Melide)

Se non se ten oportunidade de cambiar as pezas, sempre se pode facer cantar o carro por outros métodos, tal e como se recolle nas cantigas anteriores.

8.- Explica cales son os métodos alternativos para facer cantar o carro e avanza unha interpretación para cada unha das cantigas.

9.- Entre as anteriores, unha das cantigas, de carácter máis lírico, organízase como un apóstrofe, explícao.

Explica igualmente que connotacións pode ter a cantiga; poderíase interpretar metafórica ou simbolicamente? Indica, de ser o caso, os termos literal e figurado.

10.- Cal pode ser a función das figuras reiterativas ou paralelísticas que se advirten na cantiga 11? Aventura unha explicación. Pódese relacionar con outras formas de expresión popular?

12.- O foco da cantiga 12 xa non se sitúa sobre o canto do carro.Que se considera nela?

13.- A cantiga anterior (12) é antitética coa frase feita "contigo pan e ovo". Redacta un texto (150 palabra aproximadamente) onde deas conta das ideas que se manexan nos dous produtos de creación popular

Curiosamente, segundo o progreso ía conformando o territorio como hoxe o coñecemos e as máquinas, carros automóbiles e demais enxeños se ían apoderando das nosas cidades, vilas e aldeas, o renxer do carro foise sentindo como máis molesto, por iso hai quen quere que o carro non cante.

Así o conta un visitante:

(...)Un francés declarou en certa ocasión que os galegos refusan o progreso e hai moitos feitos que apoian esta opinión, inda que non sexa a verdadeira, xa que o preservar o que se demostrou excelente non implica rexeitamento do progreso. O galego acaróase ao seu primitivo carro de bois, con forma de barca ou espoleta, con rodas de madeira sólidas e sen radios, que non dan voltas sobre o eixe, teñen medias lúas, en recordo do culto primitivo á lúa, e chían e xemen dunha maneira tan abouxante que, cando pasan polas vilas, os paisanos son obrigados pola lei a silenciar as rodas con xabón, debido a que están soamente adaptadas para os camiños difíciles e pedrallentos da montaña (congostras); e o arado de madeira, só con ferro na punta, acáelles moi ben aos solos lixeiros e pouco fondos de moitas zonas.

Aubrey F.G. BELL : Galica vista por un inglés La Voz de Galicia, 2005 Páxina 22 e 23

E así o recolle a nosa lírica popular:

13

Si qués que o carro non cante,

miña prima Manoela,

si qués que o carro non cante,

bótalle sebo coa vela.

(Coruña)

14.- Podería agachar algún significado oculto esta composición número 13? Explícao.

 



[1] X. LORENZO FERNÁNDEZ: O carro no folclore de Galicia. Museo do Pobo Galego, Santiago 2003