O CARRO E A LITERATURA CULTA

 

Aut prodesse uolunt aut delectare poetae
aut simul et iucunda et idonea dicere uitae[1].

Horacio Epistula ad Pisones (vv 333-334)


Cando Horacio avanzou nestes versos a eterna discusión sobre a utilidade da literatura, seguramente que non imaxinaba, por alta que fose a súa autoestima, que se lle había de estar a solicitar a súa autoridade ou para xustificar a función pracenteira, hedonista ou para, contrariamente, rexeitar o utilitarismo e reivindicar a función autónoma da literatura.

Vén isto a conto á hora de xustificarmos a clasificación, máis ou menos motivada, do feixe escolmado de poemas de temática "cárrica" que se segue nesta parte do traballo.

Todos teñen en común seren de autoría coñecida, posteriores ao Rexurdimento e consagrados como pertencentes a unha tradición de cultura literaria con valores artísticos e vontade de ser.

Poderían ser moitos máis, pero son estes; todos poemas, menos un -o fragmento en prosa de Otero Pedrayo sobre o que se propoñen, como exemplo, algunhas actividades-, e poden ter valor pedagóxico nas aulas desde múltiples puntos de vista (formal, temático, léxico, gramatical, ...).

Evidentemente, todos fan referencia aos carros do país ou a elementos conexos con esa realidade: ben sexan os animais que fan a tracción, ben sexa o outro labor atávico da labranza galega e universal, o arar, realizado cos mesmos animais xunguidos co mesmo ou distinto xugo co que tiran do carro.

Así, sabido xa o que e o porqué, resta explicar o como.

É inevitable que á hora de clasificar este material literario haxa zonas de solapamento evidente que permitirían tirar un poema dun grupo para colocalo noutro. As obras non plurisignificativas, monotemáticas, ou de visión unidimensional non existen ou non interesan. O que onte se vía, hoxe non aparece e o que agora descubrimos, noutrora non era nin soñado. Por iso, os grupos atenden a unha das denotacións e abeiran outras moitas connotacións.

Na constitución da literatura galega contemporánea, calquera que sexa a orientación (realista ou costumista), a afirmación nacional non asimilada encontra no campesiñado pobre e nos obreiros do rural, tamén campesiños, a identidade e a maioría do pobo galego; son os gardiáns da lingua, aqueles a quen os escritores aman e cos que se queren identificar no ser e nos intereses[2].

Desta maneira, o carro do país, o carro de bois tan evidentemente característico de Galicia fronte a outros territorios[3] ten que ser seleccionado como símbolo identificador da nación e dos galegos. E non só o carro, tamén todo o que con el teña que ver.

Cada poeta fará un tratamento distinto da significación deste elemento patrio, mais para alén doutras connotacións e quizais cunha visión reducionista, triunfan dúas visións: a daqueles que pescudan simplemente na esencia do símbolo identificador e a daqueloutros que o consideran instrumento de combate fronte á agresión.

Xa se viu que a mirada rural e campesiña dos nosos autores non é unha mirada de evasión na procura de paraísos que nos afasten da tediosa e fea realidade; por iso, é normal que a labranza, os traballos campesiños sexan obxecto poético de primeira orde. Cadaquén introducirá as súas doses particulares de idealización.

Coa vangarda e a suposta e radical ruptura coa tradición, o carro despréndese das connotacións que poidan parecer folclóricas ou costumistas e xorde nu e pleno de plurisignificacións, como base de imaxes rompentes.

Desde a visión campesiña, o carro, ben material que posibilita o traballo e que esixe outras pertenzas (terras, gando, ...), serve para carrexar a vida que o agro produce. É quen marca a riqueza e quen a transporta; cantos máis carros, máis cargados e máis cantareiros tanto maior será o capital e a produción. Mais tamén é o vehículo que transporta as rendas que se deben pagar ao señorío polo uso das terras. Os nosos poetas non esquecen a inxusta estrutura agraria nin as aldraxes e padecementos sufridos pola clase campesiña.

Complétase o conxunto coa visión que os nosos escritores teñen de realidades incardinadas na esfera do carro: os animais domésticos que se crían e amansan para o traballo ou que, simplemente, forman parte do mundo campesiño; ou algúns aveños ou utensilios necesarios na labranza ou nas tarefas propias de quen vive entre animais e, en comuñón, é un coa terra e con eles.



[1] Queren os poetas ou ser útiles ou deleitar

ou tratar asemade asuntos xogorais e idóneos para a vida

[2] MÉNDEZ FERRÍN, X. L. : De Pondal a Novoneyra, Ed. Xerais, Vigo, 1984. pp 21-24

[3] O feito de os carros perviviren, tamén, en Portugal non fai máis que alentar as correntes reintegradoras.