Mecanismos volve moverse (22 anos despois)

Mecanismos volve moverse (22 anos despois)

En 2004 publiquei Mecanismos, unha páxina para explicar como se move o que se move. Funcionaba con Flash. Flash morreu, e a páxina foi con el. En 2026 estou a recuperala coa axuda da intelixencia artificial, e o resultado non é unha fotocopia da vella: é mellor. Aquí podes probar a primeira peza rematada.

Unha páxina que funcionaba moi ben ata que deixou de funcionar

Mecanismos naceu en 2004 como recurso educativo: animacións para ver o movemento, presentacións interactivas para ir paso a paso e cuestionarios para comprobar se aquilo quedara claro. Por dentro levaba Flash, que naquel momento era o que había, e ademais era bo: permitía animar e interactuar cando o resto da web aínda ía a base de imaxes quietas.

Flash tiña, iso si, un pequeno defecto que tardou anos en manifestarse: deixou de existir. Cara a 2018 os navegadores xa lle pechaban a porta, e a finais de 2020 Adobe retirouno definitivamente. Dun día para outro, aquelas animacións convertéronse nun rectángulo baleiro cunha mensaxe de erro. A páxina non se borrou: quedou muda, que aínda é máis triste.

A parte na que aparece a intelixencia artificial

Recuperar aquilo significaba redebuxar mecanismo a mecanismo, reprogramar cada animación con tecnoloxía actual, reescribir os textos, refacer os cuestionarios e, de paso, deixalo funcionando en móbiles, que en 2004 non eran precisamente unha prioridade. Traducido: meses de traballo dun equipo. Un soño.

Aquí é onde entra a moi controvertida intelixencia artificial. Traballando con ela, consigo que acceda ao código da antiga páxina, que eu podo visualizar grazas a unha máquina virtual. Así pode obter os textos e interpretar as animacións. Entón descríbolle as melloras que quero facerlles aos vellos mecanismos, dígolle como quero que se comporten e, cando o resultado non me convence, volve intentalo. Eu poño o criterio técnico e pedagóxico —o que ten que entender un alumno da ESO ou de Bacharelato e en que orde, ou mesmo calquera persoa curiosa que se achegue a MECANISMOS— e ela pon a paciencia infinita para mover unha frecha tres píxeles á esquerda por cuarta vez seguida sen suspirar.

Non é que a IA saiba de mecanismos: é que executa moi rápido o que si sabe quen leva anos explicándoos.

O que xa se pode ver

A nova Mecanismos ten 19 mecanismos organizados en tres familias —transmisión lineal, transmisión circular e transformación do movemento— e xa ten as primeiras animacións rematadas. A da panca é a que máis voltas levou, e é a que quero ensinarte.

Non é un vídeo nin un debuxo: podes mover o punto de apoio, a carga e a forza, e a barra faille caso. Cando os dous momentos non se igualan, o brazo que máis pesa baixa ata o chan, e faino máis rápido canto maior é o desequilibrio. Preme Equilibra e verás exactamente que forza fai falta. Cambia ao 2º e ao 3º grao e comproba onde se gaña forza e onde se perde.

A diferenza co 2004 non é só estética. Agora non hai que instalar ningún engadido, funciona no móbil, o texto pódese ler e buscar (tamén polos buscadores), a páxina adáptase ao modo escuro e cada mecanismo ten o seu propio enderezo para poder enlazalo dende un traballo ou un exame.

Mirando un pouco máis lonxe

Recuperar Mecanismos está a resultar, sen buscalo, unha demostración dalgo maior. Se unha persoa soa pode reconstruír e mellorar un recurso educativo completo, con animacións interactivas e contido revisado, entón elaborar documentación técnica e científica seria, ou escribir divulgación decente sobre ciencia e tecnoloxía, xa non require un equipo con moitos medios.

Iso ten unha consecuencia bonita: podemos achegar a tecnoloxía e as ciencias ao público xeral cuns estándares de calidade que ata hai nada estaban reservados a quen podía pagalos. E outra menos bonita, pero xusta de dicir: ninguén che vai revisar o rigor. A ferramenta acelera igual de ben un texto correcto que un disparate ben redactado. O criterio segue poñéndoo quen asina.

Isto non remata aquí

Estamos nos primeiros pasos: quedan mecanismos por animar, cuestionarios por refacer e traducións por diante. Pero xa se ve por onde vai, e confeso que estou moi satisfeito co que promete esta nova versión como material divulgativo e como recurso de aula, aínda que eu xa non vaia utilizalo.

A panca, mentres tanto, segue funcionando igual que cando Arquímedes presumía de mover o mundo. O que había que arranxar era o navegador.

Portada de Mecanismos v2 (2004): unha máquina de engrenaxes, poleas con correa, cilindros e bielas que fai picar tres paxaros de xoguete.
Portada orixinal de MECANISMOS de 2004

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*