A auga volve fluír: un proxecto sobre os enxeños hidráulicos galegos, de novo na Rede.

Hai vinte anos un grupo de profesorado de distintas disciplinas do IES A Sangriña da Guarda  puxémonos mans á obra cun proxecto que mesturaba paixón pola cultura galega, interese polos enxeños tradicionais e espírito didáctico. Así naceu A auga: aplicacións enerxéticas na Galicia preindustrial, unha páxina web divulgativa e educativa que exploraba os enxeños hidráulicos que aproveitaron, ao longo dos séculos, a forza da auga no noso país.

Traballamos no proxecto entre 2004 e 2007 e publicamos un sitio empregando a tecnoloxía Flash. Esta permitía crear animacións interactivas e recursos multimedia que enriquecían a experiencia. Mesmo recibimos da Xunta de Galicia un primeiro premio a materiais educativos innovadores no ano 2007.
Durante anos a páxina foi unha ferramenta útil no ensino, mais tamén un espazo de divulgación para todas aquelas persoas interesadas no patrimonio hidráulico preindustrial.
Porén, no ano 2020 os navegadores deixaron de dar soporte a Flash, e o noso sitio ficou, literalmente, invisible. Durante un tempo o proxecto permaneceu nun limbo dixital. Pero non nos rendemos. Nos últimos meses, acordamos o equipo de colaboradores para emprender o proceso de rehabilitación da páxina.

Exemplo de deseño da web antiga
Exemplo do deseño da vella web
Exemplo de deseño da nova web
Exemplo do deseño da nova web

O resultado xa está dispoñible: unha nova versión da web publicada sobre WordPress, con tecnoloxías actuais que han permitir modernizala e ampliala con facilidade, e cun deseño responsivo que se adapta a calquera dispositivo. A filosofía é a mesma: poñer en valor o noso patrimonio etnográfico con perspectiva multidisciplinar, pero, desta volta, cun enfoque máis divulgativo ca educativo.

Se cadra, unha das partes máis interesantes do proxecto, por ser a máis descoñecida para nós, é o estudo da serra hidráulica. Este enxeño do que existen poucas publicacións e conxuntos ben conservados, foi obxecto dunha profunda investigación no noso traballo. A través de animacións, explicacións técnicas e documentos, tratamos de reconstruír o seu funcionamento e destacar a súa importancia dentro do conxunto de enxeños como muíños, batáns e ferrarías.
Grazas a este proxecto, no ano 2008, conseguimos que o concello do Rosal, cun obradoiro de emprego financiado pola Xunta de Galicia, rehabilitara o muíño e serradoiro do Pighorro en Marzán: única actuación de reposición en Galicia da que teñamos noticia sobre unha serra hidráulica alternativa tradicional.

Serra hidráulica alternativa
Partes da serra hidráulica
Sistema de avance da serra de Marzán restaurado
Sistema de avance da serra do Pighorro

A nova páxina é, pois, unha ventá aberta á nosa historia tecnolóxica; un espazo para curiosos, estudosos, amantes da etnografía e tamén para quen queira ver como é posible tratar un tema tradicional desde distintas especialidades: tecnoloxía, literatura, xeografía e historia, ciencias naturais e ata xeometría.

E que mellor día para celebrar este regreso que o Día das Letras Galegas. Porque este proxecto, escrito integramente en galego e centrado na nosa terra, é tamén unha homenaxe á lingua e á cultura que nos definen.

“Realizar un proxecto coma este foi un gran reto e, ao mesmo tempo, un verdadeiro pracer. Amigos e familias apoiáronnos e acompañáronnos para chegar a moitos recunchos de Galicia, Asturias, León e Portugal facendo traballo de campo. Compartir aquelas excursións foi unha delicia inesquecible.”

Parte do equipo en Taramundi 1
Parte do equipo en Taramundi 2

Convidámoste a entrar en tecnoloxia.com/auga. Comparte, explora, goza. A auga volve correr… tamén pola rede.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*