Estas monografías preséntanse como traballos completos e independentes.
A AUGA. APLICACIÓNS ENERXÉTICAS NA GALICIA PREINDUSTRIAL. Trátase dun traballo multidisciplinar, recuperado en 2025 e publicado de novo nunha páxina web cunha interface baseada en WordPress, mantendo practicamente os mesmos contidos da versión orixinal do ano 2005. O estudo céntrase no aproveitamento da forza da auga en máquinas preindustriais como muíños, batáns, mazos e serras.
Este proxecto abordouse desde diferentes ámbitos do saber: a tecnoloxía, a xeografía e a historia, así como a literatura, as ciencias e a xeometría.
O CARRO GALEGO. Este recurso foi elaborado co programa eXeLearning para a súa publicación na rede. O traballo aborda o estudo do carro galego desde distintos puntos de vista. Inclúe unha análise técnica do conxunto e de cada unha das súas partes, así como unha reflexión sobre o seu papel como medio de transporte tradicional na sociedade agraria galega. Tamén se explora a presenza do carro na literatura galega.
O recurso complétase con vídeos, fotografías e planos que axudan a coñecer mellor esta icona da cultura popular. Este proxecto foi seleccionado para participar no programa da CRTVG No bico un cantar, nun episodio dedicado á canción «O carro» de Fuxan os Ventos.
MOTOR MENDOCINO. Ao igual ca o anterior, este proxecto foi desenvolvido con eXeLearning. O motor Mendocino funciona con placas solares fotovoltaicas e emprega un sistema de imáns que permite a levitación magnética do rotor. Trátase dun proxecto de investigación arredor deste tipo de motor, do cal se construíron tres prototipos.
O obxectivo era atopar un modelo viable para poder desenvolvelo na aula como proxecto educativo. Xa foi testado con alumnado de 2º de Bacharelato, obtendo resultados moi satisfactorios.
VIDEOCURSO MOODLE 1.X. Este apartado recolle os vídeos correspondentes ao curso As actividades en Moodle no ámbito científico-matemático. Os 39 videotitoriais que o compoñen tamén foron publicados en YouTube e formaron parte dun curso da PLATEGA (Plataforma de Teleformación Galega).
