A biela-manivela, unha pequena obsesión
Está claro, os estudosos da mente humana saberán por que, as persoas gustamos de algunhas cousas sen aparente explicación. Ás veces gústannos tanto que acaban por converterse en pequenas obsesións. Digo pequenas referíndome a obsesións sas.
Seguro que un monologuista atoparía aquí material para unha sesión do Club da Comedia: algunha xente colecciona gorras, outros van cheos de tatuaxes, hai quen non soporta a sucidade entre os azulexos, quen goza vendo os números bonitos nas horas que marcan os reloxos dixitais (eu son un destes), quen garda cousas por se algún día fan falta, quen non soporta perder unha discusión… Ben, e un longo etcétera.
A min alporízame un pouco esa xente que non pode deixar de estoupar burbullas de plástico, ben sexa das que veñen nalgúns paquetes ou das que estas mesmas persoas fabrican coas bolsas da compra. E aquí tocoume o Sanbenito, porque disto padecía a miña nai e á miña dona encántalle tamén.
Eu dinme conta hai tempo de que, entre outras pequenas obsesións, gústanme os mecanismos de biela-manivela. Gústame velos, debuxalos, deseñalos, animalos… Ata teño fabricado algúns. Ocórreseme que podía facer unha recompilación da miña relación coa biela-manivela. 🙂
Agora que estou en plena voráxine de recuperación da páxina de mecanismos de 2004 —ou de recuperación e restyling, debería dicir—, porque o contido é o mesmo, pero a aparencia e incluso a funcionalidade xa son moi distintas das daquela web de hai máis de 20 anos, chegoulle o día á biela-manivela.
E podedes crer que me fixo ilusión. Acabo de rematar a primeira parte do apartado dedicado á biela-manivela e gocei tanto que me deron ganas de escribir este post para contalo e para que, a quen lle interese, vexa como van estes traballos de rehabilitación.
Ben, tamén serve isto para dar resposta a todos aqueles que me preguntan se non me aburro agora que me xubilei ou en que ocupo o meu tempo. Pois en facer este tipo de cousas fermosas ocupo parte do meu tempo.
Déixovos unha pincelada da páxina de mecanismos para que vos pique a curiosidade: unha parte da biela-manivela.
Volvo deixar tamén, igual que no post anterior, unha imaxe de Mecanismos 2004: a portada, aquela portada da web que tivo tanto éxito e que tiña tantos mecanismos movéndose á vez. Esta tamén a estou recuperando para Mecanismos 2026.
E, para rematar, o compromiso de que pronto veremos Mecanismos V3 (2026) de novo en internet.

