Mecanismosv3

Panca

entrada lineal ⇄ saída lineal· reversible

A panca é unha máquina simple: unha barra ríxida que pode xirar arredor dun punto de apoio, chamado tamén fulcro. Na barra hai un punto de aplicación da forza que facemos nós, F, e outro da resistencia que hai que vencer, R.

Para que a panca estea en equilibrio cúmprese a expresión chamada lei da panca:

F · d = R · r

onde d é a distancia do punto de aplicación da forza ao punto de apoio, e r a distancia do punto de apoio ao punto de aplicación da resistencia. Canto máis lonxe do apoio apliquemos a forza, menos forza precisamos para mover a mesma carga, aínda que teremos que percorrer máis distancia.

Segundo onde estea o punto de apoio respecto de F e de R hai tres tipos de panca. Na de 1º grao o apoio vai entre a forza e a resistencia, como no bambán ou nas tesoiras. Na de 2º grao a resistencia queda entre o apoio e a forza, como na carretilla. Na de 3º grao é a forza a que queda entre o apoio e a resistencia, como na cana de pescar ou nas pinzas.

Proxecto
Mecanismos · V3
Orixinal
Antonio Lomba Baz, 2004
Licenza
Pendente
Política de cookies
Pendente
Aviso legal
Pendente
Política de privacidade
Pendente
Contacto
Pendente