ORIXES DO CARRO
Mosaico na cidade sumeria de Ur. Ca 2500 a.C.
http://www.alexandriaarchive.org |
Segundo a mitoloxía grega da unión da deusa da agricultura Deméter con Lasionte naceu Filomeleo, o inventor do carro, do arado e das xugadas. A mitoloxía parece corroborar a idea de que a orixe do carro aparece vinculada á agricultura e á domesticación de animais, actividades que a humanidade comeza a desenvolver no Próximo Oriente durante o Neolítico cara ao 6000 a.C. Miniaturas de bronce, relevos e mosaicos confirman o uso de rodas e carros entre os pobos asentados no Crecente Fértil que foron quen de domesticar as primeiras especies animais, os impulsores das primeiras formas da agricultura, da cerámica e do comercio.
Representacións de carros de terracota tirados por dous bois en Mohenjo Daro, no val do Indo, carros votivos de cobre asociados a enterramentos atopados en Tell Agrab (Mesopotamia) acreditan o uso do carro cunha finalidade allea ó transporte de produtos agrarios e outorgándolle fins bélicos, rituais ou funerarios.
As civilizacións que se desenvolven no Mediterráneo Oriental, como a exipcia ou a micénica, coñecerán os avances no transporte a mediados do II milenio a.C. e os etruscos, ao Norte de Italia, cara ao I milenio a.C.
Os pobos indoeuropeos asentados no centro de Europa, habilidosos construtores de carros, haberían de ser os encargados de dar a coñecer as novas técnicas de traballo agrícola por toda Europa: gravados rupestres en Suecia, fragmentos de roda maciza atopados en Holanda, os vestixios da localidade italiana de Mercurago... corroboran o coñecemento e o uso do carro desde moi antigo en Europa.
O CARRO NA PENÍNSULA IBÉRICA
A
representación de varios animais tirando de carros nas paredes
calcarias do abrigo de Remosillos (La Puebla de Castro, Huesca),
confírelle a esta escena un carácter único dentro da arte rupestre
levantina. De confirmarse que os autores son xentes das comunidades
neolíticas, como parece desprenderse dos materiais arqueolóxicos
atopados no abrigo, estariamos ante a representación de carros máis
antiga de España1.
Máis abundantes son as estelas decorativas localizadas no suroeste peninsular que conteñen representacións de carros de distintas tipoloxías. Son carros de dúas rodas, de radios a maioría e algunha maciza, tirados por cabalos, nos que o chedeiro presenta unha forma curva cunha cabezalla que parece estar unhas veces integrada no propio chedeiro e outras representada como unha peza independente. Esta tipoloxía ten como referente os carros do Mediterráneo oriental, dos exeos ou fenicios. A funcionalidade non parece ser a de transporte nin bélica senón máis ben ritual, sendo o carro o portador do cadáver do guerreiro á outra vida2. Distinta tipoloxía presentan os carros funerarios, de forma rectangular, ricamente ornamentados con remaches de bronce depositados na necrópole tartesa de La Joya en Huelva3
Os iberos empregaron o carro de xeito usual como medio de transporte abandonando co paso do tempo a función ritual e funeraria de épocas anteriores acreditada en estelas e necrópoles. Mostra da intensidade de paso son as pegadas deixadas polas rodas ferradas nas rochas dos camiños de acceso a poboados como o de Castellar de Meca (Valencia).
Tamén nas pinturas rupestres dos abrigos de Buitres de Peñalsordo se representan carros de distinta tipoloxía que difiren fundamentalmente na forma do chedeiro, neste caso rectangulares, máis apropiado para unha función de transporte. Os carros de transporte peninsulares parecen ser de procedencia europea tendo os referentes máis próximos no norte de Italia: roda de Mercurago do Bronce Medio e estela-menhir de Lagundo do Bronce Final, na que se identifica un carro de transporte tirado por bois.
![]() Rodeiras en Castellar de Meca http://mestreacasa.gva.es |
PRIMEIRAS REPRESENTACIÓNS DO CARRO EN GALICIA
|
Arte esquemático en
Peñalsordo (Badajoz) |
O xesuíta P. Jalhay identificaba, no 1926, nun conxunto de petróglifos atopado no lugar coñecido como Outeiro de Morouzo (Pedornes, Oia) un carro ben interesante e quizais único no seu xénero na arte rupestre coñecida tirado por dous animais montados por cadanseu xinete4 En posteriores visitas o erudito do colexio dos Xesuítas de Camposancos (A Guarda) reafirmábase na hipótese da representación na citada laxe de carros ós que lles atribuía posibles fins cerimoniais, desfiles guerreiros ou mesmo transporte de estaño procedente das Casitérides. Recentemente Costas Goberna revisaba a hipótese do xesuíta e, se ben recoñece as dificultades para unha definitiva identificación, cuestiona a existencia dos dous carros que distinguía E. Jalhay.
![]() Pedra do Cazador en Pedornes. Reproducción do conxunto realizada por Costas Goberna. |
Recentemente os arqueólogos Alberte Reboreda e Eduardo Breogán deron a coñecer a estela de guerreiro de Pedra Alta atopada en Castrelo do Val (Ourense) na que ademais da panoplia ou equipamento ideal dun guerreiro aparece gravado na parte inferior un carro de similares características aos do suroeste peninsular. Dita estela da Idade do Bronce dátase entre os anos 1200 - 1000 a. C. e documenta por vez primeira a presenza do carro en Galicia.
No continuo debate sobre a presenza celta en
Galicia, as raíces máis próximas do noso carro están, ao igual
que outras técnicas e achegas culturais, relacionadas coa chegada
dos romanos ó Noroeste peninsular. A raíz celta de termos como
carro, roda, camba... non parecen argumentos suficientes para afirmar
que foron pobos celtas os que o introduciron en Galicia: Carro é
celta, roda, camba... pero eu defendo que a cultura castrexa non tiña
o carro, senón que chegou cos romanos, polo que este vocabulario o
traían con eles. Quizais da zona do Po, onde se empaparon de cousas
célticas cos pobos cisalpinos5
Dúas interpretacións para un mesmo petróglifo. A esquerda o carro |
O PLAUSTRUM ROMANO
En todo o Imperio romano empregáronse distintos
tipos de carro -dun ou dous eixes, de rodas macizas ou radiadas-,
para carrexar todo tipo de produtos transportables. No ámbito rural
o plaustrum era o carro dun eixe tirado por bois, robusto, con
rodas semellantes ás moas dun muíño e de eixe fixo. Presenta o
plaustrum características semellantes ó carro que se emprega en
Galicia ata finais do séc. XX e que non experimentou grandes
modificacións na súa estrutura formal.
O plaustrum era o clásico carro propio do ámbito rural, aínda que non é descartable a súa utilización, secundariamente, en moi diversos campos da vida cotiá civil e militar, como se documenta nos relevos das columnas Traxana e Antonina. Empregouse en Roma e na maior parte das provincias do Imperio, o cal é apreciable en mosaicos, pinturas e relevos. Tiña un tren de rodas, estas de madeira maciza, e era movido por bois, pero tamén o puido ser, menos comunmente, por machos e asnos. A súa estrutura formal era moi semellante á dos carros empregados no oeste asturiano ata a década dos anos sesenta.6
http://tallerdebelenismo.forocreacion.com
|
PRESENZA NOS RECINTOS CASTREXOS
Roda de Catoira
Raigame nº 19 2004
|
Nos castros do Noroeste peninsular podemos atopar vestixios da presenza do carro tirado por animais. Algunhas pedras fincadas en determinados castros como Mohias e Coaña (Asturias) parecen destinadas a salvagardar as construcións das rozaduras dos carros. O camiño de acceso ao de Coaña deixa entrever as pegadas marcadas polos carros, mostra palpable por conseguinte da participación de bois, cabalos e machos no aprovisionamento dos recintos castrexos (...)7. Nas laxes tamén quedaron marcados os sucos profundos en castros da provincia de Zamora e no Castro de Viladonga (Castro de Rei, Lugo). Neste último consérvanse tamén restos de arcos e arandelas dalgún carro castrexo.
O carro votivo de bronce de Costa Figueira (freguesía de Vilela, Paredes de Douro) datado a mediados do I milenio a.C. representa dúas xuntas de bois xunguidos e dous eixes: un na parte dianteira e outro na traseira. Posiblemente garde relación cun ritual fundacional ou demarcatorio máis que cunha escena de labranza.
1 http://www.fumdham.org.br/fumdhamentos5/pilar_utrilla.asp
2 CELESTINO PÉREZ, S. Los carros y las estelas decoradas del Suroeste. Badajoz, 1985. Pax. 54
4 COSTAS GOBERNA, F. J. (2004): “Los Supuestos carros de los grabados rupestres de Oia (Pontevedra)”. Boletín del Instituto de Estudios Vigueses, 10: 219-238.
5 CALO LOURIDO, F. “La lengua, unico vestigio celta en Galicia que logra consenso”. Suplemento Culturas da Voz de Galicia do 17 de abril de 2010
6 PAZ GARCÍA, M E OUTROS. “El asentamiento romano en Catarrosa. Aproximación a su estudio” En Espacio. Tiempo y Forma, Serie II, Historia Antigua, t. 10, 1997, páxs. 351-374
7 SANTOS YAGUAS, N. “La arqueología castreña y el sector económico agropecuario. Memorias de Historia Antigua. Población y poblamiento en el Norte de la Península”. Servicio de Publicaciones. Universidade de Oviedo. Pax. 46

