AS FUNCIÓNS DO CARRO

LABORES AGRÍCOLAS

Imaxe do carro pertencente ao Arquivo do Reino de Galicia
Arquivo do Reino de Galicia

O carro está ao servizo dos labores propios do campo: preparación das terras, transporte de materiais para arranxos nas fincas, para levar a colleita á palleira. Nos carros veñen os toxos rozados para facer a cama dos animais; das cortes saen as carradas de esterco para adubar as terras nas que logo se sementarán as patacas, o millo, as uvas da vendima, as verzas e outros produtos de horta destinados ao autoconsumo. Nos contratos forais os donos especifican ben ás claras os labores que deben acometer os arrendatarios nas viñas que se lle arrendan e a cantidade de esterco coa que debe ser adubada para un óptimo rendemento: primeramente que lle roçasen enderedor o silveiro e mato.. que a ontre chantasen e que a estes chantamentos o encasamentos que lle deytasen tres carros desterco e pro cuanto non fora arrendada a cavasen toda en este mes de junio primeiro que ven sendo primeiramente rota de todo1...

Toda casa de labranza que se prezase debía ter cando menos un carro e unha xugada de bois ou cando menos de vacas. Sen embargo non en todas había un carro ou arado que facilitasen o traballo dos membros da unidade familiar. Nos inventarios post mortem aparecen mencionadas todo tipo de ferramentas lixeiras (aixadas, sachos, fouces...) pero os arados e sobre todo os carros xa non son tan comúns. A tenza dun carro non escusaba o traballo humano necesario para empuxar o carro en lugares empinados ou para transportar ao lombo todo tipo de produtos a lugares inaccesibles para o carro. Andar co carro e cos bois e sementar o pan estaba reservado ao amo da casa :

Nada había máis grave e solemne que un petrucio percorrendo, airoso e gallardo, dunha estrema a outra da leira, e repartindo a voleo os puñados de gra2

A Galicia dos anos 20 por Ruth Anderson

Ruth Anderson, M. A Galicia dos anos 20
Arquivo da Hispanic Society

 

MEDIO DE TRANSPORTE

No marco dunha economía de autosuficiencia característica do campesiñado galego, o carro é un medio indispensable para a realización de tarefas non agrarias que precisa, en moitas ocasións da colaboración e axuda dos veciños. Desprazar desde as canteiras máis ou menos próximas a pedra para levantar unha corte, unha palleira ou a vivenda familiar non resulta tarefa fácil O transporte das pedras máis grandes e pesadas como podía ser o lintel dunha palleira desde a canteira, facíase especialmente dificultoso polo que era necesario empregar as mellores xugadas ou xunguir dúas parellas mediante a tamoucela O mesmo sucedía coas madeiras que unha vez serradas nas touzas servían para preparar as trabes que sustentan faiados e tellados das construcións rurais. Na Galicia costeira o carro permite o traslado de embarcacións de baixura, redes e demais artes de pesca que deben ser reparadas nos baixos das casas.

 

UNIDADE DE MEDIDA

A uniformidade da estrutura dos carros permitía empregalos como referencia para establecer medidas para o transporte de leña, para cuantificar a produción agraria, o seu valor ou as necesidades de esterco que requiría unha explotación. No catastro do marqués da Ensenada, enquisa impulsada na Coroa de Castela a mediados do XVIII, a estimación da produción de leña ou de herba dunha superficie calcúlase por carros. Nas respostas xerais á pregunta 12ª sobre a cantidade de froitos de cada xénero que produce, cunha ordinaria cultura, unha medida de terra contestan os veciños da xurisdición de Montederramo que se dita medida é de devesa de carballos en todas as poboacións que as conteñen sendo de primeira calidade producen unha corta de catro carros de leña de quince en quince anos, se é de segunda unha tercia parte menos, e de terceira a metade. O valor monetario tamén se lle estipula a cada carrada dependendo do produto que carrexa: á decimo cuarta dixeron que o valor que teñen ordinariamente un ano con outro os froitos que poden producir as terras do termo de ditas freguesías [Xurisdición de Caldelas] é na forma seguinte: a tega de liña, oito reais, a de centeo catro un carro de herba vintedous, un carro de leña oito, unha galiña dous, (…)

As tellas e os ladrillos fabricados polos cabaqueiros do Rosal e da Guarda (Pontevedra) adoitaban venderse nas mesmas telleiras a onde acudían os compradores. Como unidade de medida úsase o modio, que é a cantidade necesaria para encher un carro cunha xugada.

Recollendo redes en Vigo en 1927
Recollendo redes en Vigo, 1927
https://picasaweb.google.com/blodopaco

 

TRIBUTOS

A nobreza, que precisa de man de obra e de medios para construír as súas fortalezas medievais, non dubidaba en impoñer tributos e servidumes noutros momentos pouco habituais. Os condes de Lemos comenzaron a introducir, con la excusa de las obras que realizaban en el castillo, tributos y servidumbres hasta entonces desconocidos: empréstitos forzosos, requisa temporal de carros, bueyes y aperos para las obras (…) sobre os habitantes da terra de Caldelas3. Nos mesmos carros que empregan para preparar as terras, os foreiros deben levarlle ao señor as rendas acordadas. O Cabido de Tui esíxelle que os campesiños realicen o traslado da renda: despois de partido ho leve no seu carro e con seus boys a villa4.

 

FUNCIÓNS COMPLEMENTARIAS

Fóra das funcións propiamente agrícolas e de transporte o carro na palleira do labrego úsase frecuentemente na matanza do porco. Seguindo as indicacións do matachín os homes déitano no chedeiro, na parte que conflúe na cabezalla do carro que previamente se calza e levanta dunha das rodas para que o animal desangre con maior facilidade. No mesmo carro lávase e frégase a pel previamente queimada con fachos de palla. Como se dun estante máis se tratase, no carro vanse colocando o día da desfeita xamóns, lacóns, soás e touciños antes de levalos para a despensa.

A desfeita do porco por riba do chedeiro do carro
A desfeita do porco por riba do chedeiro do carro
Vidalén (Montederramo-Ourense)

 

1 CARRERA SÁNCHEZ, M. DEL CARMEN. El Bajo Miño en el siglo XV. El espacio y los hombres. Barrié de la Maza. A Coruña, 1997. Páx. 83
2
SAAVEDRA, P. A vida cotiá en Galicia de 1550-1580. Biblioteca de Divulgación. Santiago de Compostela, 1992. Páx 96
3
SOTELO BLANCO, OLEGARIO. Castro Caldelas y su comarca. Ed Sotelo Blanco, 1981. Páx. 50
4
CARRERA SÁNCHEZ, M. DEL CARMEN. El Bajo Miño en el siglo XV. El espacio y los hombres. Barrié de la Maza. A Coruña, 1997. Páx .87