CARROS E LENDAS
TRASLADO DE DEFUNTOS
Carro de terracota en Mohenho Daro
http://asiahistoria.blgospot.com
|
Son frecuentes nas distintas culturas da antigüidade desenvolvidas no Próximo Oriente as alusións ao traslado dos defuntos ata a súa última morada. Textos cuneiformes do III milenio narran unha festa en Capadocia na que ao cuarto día, ao amencer, o sacerdote da cidade de Hanhanna engancha os bois ao carro do deus (...). No mesmo contexto xeográfico da península de Anatolia o deus hitita da tormenta, Teshub, viaxaba montado no seu carro, de rodas moi primitivas, tirado por dous bois sagrados Sheri e Urri (Día e Noite)1. Episodios semellantes recóllense no Antigo Testamento: o rei Iosías é trasladado nun carro desde Meguido a Xerusalén: Os seus servidores puxeron o cadáver no seu carro, en Meguido, e levárono a Xerusalén; e enterrárono no seu sartego... (2Re 30). En Exipto está amplamente documentado o emprego de carros tirados por bois para arrastrar o catafalco da momia. As pinturas das tumbas reais de Tebas así o testemuñan. Ás veces os mesmos carros empregados na condución do defunto ou reproducións en miniatura aparecen enterrados xunta o cadáver ou gravado en estelas fúnebres que marcan a existencia de tumbas. Os carros votivos son comúns en Centroeuropa e como xa citamos anteriormente temos constancia dun fermoso exemplar en Costa Figueira (Portugal).
TRASLADO DE SANTOS
As lendas medievais recorren a el para explicar acontecementos que xustifiquen a presenza de santos dun determinado lugar. Así, San Rosendo foi bautizado en San Miguel de Celanova porque foi neste lugar onde rompeu a roda do carro que transportaba a pía bautismal.
O corpo de Santa Eufemia acabou na Catedral de Ourense porque alí a levaron dous bois bravos xunguidos a un carro desde a fronteira portuguesa, entre as serras do Xurés e do Quinxo (Ourense): ó ser achado xurdiu un conflito entre galegos e lusitanos, xa que ambos os dous querían para si os sagrados restos. En bo acordo, decidiron que a sorte decidise e, para o efecto, puxeron o corpo nun carro, ó que xunguiron dous bois bravos e os deixaron marchar libremente. Os animais camiñaron ata que se detiveron á entrada da cidade de Ourense, sendo recollido alí o cadáver e trasladado á S.I. Catedral, onde se venera actualmente.2.
Da mesma maneira han de ser dous bois tirando dun carro quen diriman as disputas entre pobos veciños para levantar a ermida que custodie a imaxe da Virxe da Franqueira e serán novamente os bois bravos da raíña Lupa os encargados de trasladar o corpo do apóstolo Santiago unha vez que este chegue a Padrón por vía marítima.
O carro tamén é protagonista na construción de ermidas nos máis recónditos e inaccesibles lugares. A lenda popular conta que San Mamede retirouse ao cume da serra que hoxe leva o seu nome e alí construíu unha ermida. Para levar a pedra serviuse dun carro tirado por dous corzos e como o lobo comeu un deles o santo castigouno a apañar pedra facendo xugada co corzo que quedara vivo3.
![]()
www.caminosantiago.org
|
CARREXA DE OURO
Son varias as lendas que vinculan o carro co ouro, para transportalo ou para descubrilo. Nun carro de ouro transportaban os criados de don Álvaro Álvarez de Ulloa a comida á mesa do seu señor na fortaleza de San Tomé de Felpós (Palas de Rei). No mesmo concello, no lugar de Rumín, atopou o crego da parroquia unha arca de ouro agochada nunha cámara funeraria e serviuse dun carro tirado por dous bois para levala ata a súa casa. Tanto pesaba que as rodeiras por onde pasou quedaron marcadas nos camiños por moito tempo.
Os devanceiros puxeron entre os seus acordos (...) que en tempos xa ben afastados e mesmo intestimuñables había na fortaleza de Felpós gobernada polo golfín Alvaro Alvarez de Ulloa e destruída polo arcebispo Berenguel de Landoira un fermoso carro de ouro, que empregaban os seus criados para levarlle a comida á mesa ós seus señores, ós que eles prestaban servizo en armas e de servidume nesta moradía4
No imaxinario popular permanece a idea de que os castros ocultan verdadeiros tesouros e para poñelos en descuberto non hai nada como valerse do paso continuado dos carros:
Sabido é que non existe en Galicia un só
castro no que non haxa un tesouro; este consiste a veces en dúas
trabes ou vigas, unha de ouro e outra de alcatrán ou veleno. É
frecuente que a trabe de ouro deba ser posta ó descuberto polas
rodas dun carro ó ir afondando as carrilleiras, entón o que leva o
carro pasa a ser dono do tesouro5.
TRADICIÓNS
En tempos especialmente sinalados na cultura popular como a noite de san Xoán ou os días de Entroido era costume facer todo tipo de trasnadas: quitar unha cancela, botar formigas, tisnar as caras, botar farelos e cambiar obxectos de sitio son prácticas habituais. O carro era un dos apeiros preferidos polos mozos. Sacábanos silandeiramente das palleiras e atrancaban con el un camiño, botábano a rodar polo monte, poñíanos rodas arriba ou, os máis esforzados, non tiñan reparo en empuxalo ata ó adro da igrexa. Nas Teixugueiras (Cartelle, Ourense), o percorrido que realiza o carro do Meco cada martes de carnaval lembra o linchamento que os veciños fixeran do enviado do rei que chegara á localidade a cobrar as rendas unha vez que expirara o prazo estipulado no contrato foral da vida de tres señores reis.
1 http://mitotaurico.blogspot.com/
2
LORENZO FERNÁNDEZ, X.
O carro no folclore de Galicia.
Museo do Pobo Galego, páx. 41
3
RIVAS
QUINTAS, E.
Serra de
San Mamede.
Ourense, 1993. Páx. 47
4
OTERO CEBRAL, X.L
O Carro en
Galicia,
1994. Ed.
Deputación Provincial de Lugo. Páx.
156
5
LORENZO FERNÁNDEZ, X.
Op. cit. Páx. 40
