O CARRO NU E COSMOPOLITA

AMADO CARBALLO:

Os piñeiros mortos

A imaxe do carro como un cadaleito que transporta os piñeiros mortos. Moitas prosopoeas na liña hilozísta de Amado Carballo.

Os piñeiros mortos

Afiado o berro dos carros

fende o sol-pôr amarelo.
Rube a lua poI-o monte
para despedil-o enterro.



As estrelas en ringleiras
alumean o vieiro;
o bosque despeiteado
enloitouse de silenzo.



Co ollar humido de verde
camiñan os bois labregos,
levando os piñeiros mortos
no primeiro cadaleito.



—O serán cóncavo e fondo

molla poI-o mar os ecos
das doídas bateladas
que pinga a campá do ceo—



Ficou chorando no campo
o enorme e viudo vento,
buscándoos âs palpadelas
na orfandade do ermo.


 

CANZÓN DO TEMPORAL

Un carro tirado por mouras nubes trae do sur o temporal.

 

CANZÓN DO TEMPORAL

Os berros dos mazaricos
rachan as sedas do mar,
no carro das mouras nubens
vén do sur o temporal.


Nas barras e nos peiraos
rompen as foulas cristadas
de lóstregos azuados
das estrelas afogadas.


Púxose o ceo de loito
pol-os que van afogar.
As centellas como trallas
baten no lombo do mar.

Proel

MANUEL ANTONIO

... HOXE FOI o pasamento do serán

A chegada da noite como proceso de avellentamento dos elementos da natureza que se van esvaecendo e perdéndose no tempo pasado (as pegadas e rodeiras no camiño).

 

 

a) ... HOXE FOI o pasamento do serán

O mar náufrago canso

solagábase en sí mesmo

mais o areeiro non lle dou a man

Que de cavilacións sorraia a corredoira!

Poetas paxaros

voando traxedias

en raids esquencidizos

Ao son dunha devandoira

vai a velliña morrendo

O tempo soneando dá espreguizos

As ponlas dos valados

erguen nas mans

deica o ceo

unha maina resurreición de estrelas

O sol-por epiloga

o pasamento das frores

afogadas nas fontelas

Testas cavilosas de bois e carreteiros

sentimentais ollos de xuvencas

cántigas de mozas

ficaron en pisadas e rodeiras do vieiro

A gaita deixóu no monte

un ronsel antre chorimas

faguendo voltas e relanzos de romaxe

Nos pasivos ollos

acéndese un imán de rimas.