Proceso de construción

 1  

Obtención do núcleo do rotor.

Cortamos a peza de madeira ás medidas en bruto prestando especial atención a que as caras estean a escuadra.
núcleo motor mendocino en madeira 
 2

Marcado e tradeado para alixeirar peso.

Marcamos na cara frontal do núcleo do rotor os centros dos trades. O trade central é para o eixe e os demais para alixeirar peso
 rotor de madeira marcado e tradeado
 3

Marcado e tradeado para cablear.

Sobre as caras laterais facemos os trades que se indican nos planos. Os trades de 1 mm de diámetro son para inserir un parafuso ou anaco de condutor de cobre para soldar sobre el os extremos das bobinas e o cableado do rotor. Estes trades deben levar un abelanado para aloxar a soldadura

Os trades de 2,5 mm de diámetro son para pasar o cableado do rotor entre as caras opostas do mesmo
 furados laterais do núcleo para o cableado
 4

Cableado do rotor.

O motor consta de dúas bobinas. Cada unha delas é alimentada polas placas fotovoltaicas situadas nas caras opostas do núcleo do rotor. Cando unha das placas recibe a luz a outra non a recibe. Deben conectarse as bobinas coas placas como se indica no apartado de planos e esquemas. O cableado do rotor por debaixo das placas queda como se ve na imaxe.
 cableado do rotor
 5

Obtención do eixe do rotor.

Para o eixe do rotor utilizamos un pau redondo de 6 mm de diámetro dos que se usan para facer espigas. A madeira do pau é falla. Deben axustarse coidadosamente no eixe os imáns e o núcleo do rotor.
 eixe do motor
 6

Marcado e furado para inserir a agulla.

Para inserir a agulla na cabeza do eixe facemos un pequeno furado o máis centrado posible. Este furado pode facerse xirando a broca a man ou incluso coa propia agulla que imos a cravar. Previa a esta operación pode facerse unha revisión da forma do eixe. Redondez e rectitude.
 detalle da agulla do eixe
 7

Premontaxe do núcleo do rotor para o equilibrado inicial.

Montamos o rotor sobre o eixe cos imáns correspondentes pero aínda sen bobinar co obxecto de revisar o seu equilibrado. Para realizar o equilibrado nesta fase necesitamos un banco de probas ou unha base xa rematada. O núcleo sen bobinar podemos facer un equilibrado importante.
 montaxe do núcleo do rotor
 8

Bobinado.

O fío utilizado é cobre esmaltado de 0,25 mm de diámetro. Cada bobinas terá 100 voltas. Para a operación de bobinado damos 10 voltas por un lado do eixe, marcamos cunha etiqueta e damos a volta ao rotor para dar outras 10 voltas polo outro lado, así ata completar as 100 voltas. Hai que marcar o inicio e fin de cada bobina para a súa unión posterior coas placas.
 rotor bobinado
 9

Marcado e corte da base.

Debemos ter en conta que sobre a base irá montado o imán fixo, os soportes do imáns de sustentación e a peza de apoio frontal. Para esta montaxe o imán fixo montouse pola cara inferior da base.

 vista inferior da base con aloxamento para imán do estator
 10

Marcado e corte das pezas de soporte dos imáns da base.

Estas pezas levarán uns furados sobre os que se montan unhas espigas para colocar os imáns de anel da base. As pezas están suxeitas a base por un só punto así será máis fácil aliñalas. É moi importante coñecer a distancia entre furados máis conveniente para que a sustentación sexa estable e a distancia entre as bobinas do rotor e o imán do estator sexa a adecuada.
 pezas para a montaxe dos imáns da base
 11

Marcado e corte da peza de apoio frontal.

Esta peza está elaborada a partir dun disco duro dun PC. Ten unha superficie dura, brillante e non magnética. Podería utilizarse outro tipo de material coma un cristal ou un espello
 disco duro para apoio frontal
 12

Montaxe da base.

Para montar a base é moi importante coñecer as distancias entre os imáns de anel que van a sustentar ao rotor. Nos planos deste proxecto recoméndanse unhas distancias que garanten o funcionamento óptimo do motor, pero estas medidas poden ser modificadas para buscar máis estabilidade do rotor, ou unha sustentación máis suave. Recoméndase elaborar unha base de probas para determinar para cada modificación do deseño as distancias óptimas entre imáns.
 base montada
 13

Montaxe e axuste dos imáns do rotor.

Os imáns do rotor desprazaranse lonxitudinalmente para buscar o punto no que se produce a sustentación sen que apareza unha forza frontal moi forte. Canto máis grande sexa a forza frontal máis rozamento haberá.
 posición relativa dos imáns para a sustentación
 14

2º equilibrado do rotor.

Unha vez temos a base montada e o rotor bobinado, con todos os imáns de sustentación en posición, é conveniente realizar un novo equilibrado para compensar os desaxustes provocados no bobinado no caso de que os houbera
 elementos equilibrantes do rotor
 15

Acoplamento das placas fotovoltaicas.

Unha vez feito un equilibrado aproximado hai que unir as placas fotovoltaicas no rotor. Hai que prestar especial atención en que se produza un bo contacto entre os bornes das placas e os do cableado do rotor. Neste proxecto colocouse un pedazo de papel de aluminio (de alimentación) entre ambos contactos para garantir o contacto. As veces pode producirse un pequeno desequilibrio ao montar as placas. Neste caso haberá que facer un equilibrado fino co rotor rematado.
 nucleo do rotor coas placas fotovoltaicas
 16

Montaxe do imán do estator.

Para rematar o motor e que funcione ao darlle a luz é necesario que o campo magnético provocado ao circular corrente polas bobinas se acople ao campo magnético do imán do estator. Isto é así para calquera motor de corrente continua. Neste caso para conseguir un funcionamento óptimo este imán será de gran forza.
 montaxe do imán da base
 17

Comprobación do funcionamento

Unha vez rematado o motor debe comprobarse o seu funcionamento facendo incidir unha luz potente sobre o rotor. Para que empece a xirar pode ser necesario darlle un impulso inicial.
 motor de enerxía fotovoltaica con rotor levitante