O CARRO E A LITERATURA

Se queres que o carro cante,

bótalle o eixe de freixo;

se queres que o amor che veña,

dálle talladas de queixo.

Popular (Melide)


(...)

Facer as cousas chámase carpenta.

O carpenteiro fai a roda,

que é unha cousa redonda

moi semellante ó sol. O sol é un carro

cunha lápara enorme que fai medrar madeira.

Carballo quere sol

pra ter a cerna dura e moita

con que facer a roda.

O carro do sol ninguén o fixo.

Ninguén anda tampouco os seus camiños.

Pero nosoutros

temos outros camiños

e carrexamos cousas.

Os carpenteiros fan o carro

con cerna de carballo,

e as rodas durísimas

abren rodeiras na pedra do chan

que se chama carreira.

Agora hai aguilladas

pra afalar os cabalos

e os bois que tiran polo noso carro.

Unha aguillada boa

faise de esterpe ben dereito,

pero o carro mellor é o de carballo,

que ten máis lei e non caduca,

(...)

Darío Xohán Cabana, “Carballo” en Cabalgada na brétema