Ponte desmontable de Leonardo da Vinci (II)

No artigo anterior desta páxina falábase da ponte desmontable de Leonardo da Vinci. Nesa entrada xúntanse os planos para fabricar as pezas que permitan construír o modelo que se pode ver na fotografía incluída nun destes planos. Proxecto que estou a realizar cos alumnos de 2º ESO.

Este modelo de ponte é o que aparece en internet se buscamos información en Google sobre “puente desmontable de Leonardo”. Desta ponte hai moita información e literatura. As láminas realizadas por Leonardo correspondentes a este deseño, que podemos ver máis abaixo, pertence ao Códice Atlántico, unha recompilación de debuxos e proxectos de Leonardo datados entre 1478 e 1519, que se atopa na biblioteca Ambrosiana de Milán.

Lamina 69r do Códice Atlántico Lámina do códice Atlántico 71v

Codex Atlanticux f69r e f71v (1487-1489). Ponte militare.

En vista da información da que dispoñía daba por feito que esta marabillosa lámina era a única ponte desmontable deseñada por Leonardo, sen renunciar a san costume de coñecer máis e mellor os proxectos que realizo cos alumnos. Así, o outro día, revisando a publicación web interactiva que a Biblioteca Nacional acaba de facer dos Códices de Madrid (1491-1505), levei unha grata sorpresa ao descubrir que na referida publicación aparece outra versión da ponte. Na seguinte imaxe e vídeo pódese apreciar este deseño modificado.

Lámina f46r dos códices de Madrid

Códice de Madrid f46r

Transcrición do texto de Leonardo que aparece na lámina.

Esta é unha ponte rústica, feito no caso de necesidade para un exercito, utilizando as mesmas plantas que se atopan nas ribeiras dos ríos. E esta é a aradura da ponte, isto é, o seu esqueleto, que logo se cobre con madeiras máis grosas, con ramas de árbores, matoxos ou terróns. E logo canto máis se carga esta ponte máis se afirma e non precisa estribos fortes, como os outros.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*

*